Cabanas aproba o Plan Xeral de Urbanismo

Galego

O pleno deu luz verde á aprobación provisional estimando máis do 80% das máis de 800 alegacións presentadas na fase de exposición pública e, agora, pasará á Xunta para a súa aprobación definitiva

Tras dez anos desde que se firmara o contrato para a redacción do documento, o alcalde, Germán Castrillón, sinala que o plan busca rematar coa inseguridade xurídica dunhas normas subsidiarias de 1987

Apunta que permitirá gañar poboación e favorecer o desenvolvemento económico do municipio

Cabanas, 1 de novembro de 2018. O pleno do Concello de Cabanas daba onte á tarde luz verde á aprobación provisional do Plan Xeral de Ordenación Municipal do municipio. Facíao cos votos favorables do equipo de goberno integrado por PP e Agrupación de Electores de Cabanas, e estimando máis do 80% das máis de 800 alegacións presentadas na fase de exposición pública. Agora, o documento remitirase á Xunta de Galicia, administración competente para a súa aprobación definitiva. No transcurso do pleno, o alcalde, Germán Castrillón, destacou que o plan permitirá pór fin a inseguridade xurídica derivada de rexirse por unhas normas subsidiarias do ano 1987 xa que, dende esa data, aprobáronse máis de 12 modificacións da Lei do Solo. Definiu o documento como o proxecto máis importante para Cabanas dos últimos 31 anos e asegurou que a súa aprobación, ademais de ser unha esixencia porque así o marca a lei, é imprescindible para o desenvolvemento presente e futuro do municipio.

Lembrou que o proceso de redacción do plan iniciouse hai dez anos, coa sinatura o 31 de decembro de 2008 do citado contrato. Un proceso que definiu como participativo, xa que non só se recolleron as propostas veciñais a través de xuntanzas nas parroquias senón que ó longo deste tempo se sucederon as reunións con todos os grupos municipais, amais de atender unha elevadísima porcentaxe de alegacións presentadas.

O rexidor asegurou que co plan aprobado en pleno favorecerase o asentamento de nova poboación eliminando os atrancos que hoxe en día atopan as familias, con núcleos sen desenvolver e, por tanto, sen posibilidade para construír a súa vivenda unifamiliar. Ademais, e non menos importante, asegurou que este plan dará ó Concello a seguridade xurídica e urbanística que precisa para que non volvan repetirse casos como o do Penso, do Hotel Sarga e outros.

Non só iso, apuntou tamén que o plan dá luz verde ó Concello para ceder á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia o Centro de Saúde de modo que a Administración autonómica corra con todos os gastos que ocasiona e o Concello quede exento de abonar os máis de trinta mil euros do orzamento por este concepto.

Destacou tamén que este plan permitirá asumir a modificación puntual do plan parcial do Polígono Industrial de Vilar do Colo. Unha modificación puntual do planeamento que afecta exclusivamente á normativa de aplicación de usos para poder dar cabida a empresas de servizos con distintas actividades. Isto é, diversificar o polígono e favorecer o asentamento de empresas que xeren postos de traballo.

 

Tags: