O Concello de Cabanas convida a realizar por etapas a ruta xacobea a Fisterra

Galego

Aberta na Oficina de Turismo a inscrición na ruta, que se cubrirá en cinco etapas o último sábado de mes e os catro de outubro

Cabanas, 17 de setembro de 2018. Tralo éxito de convocatoria rexistrado o pasado ano, cando máis dun centenar de persoas tomaron parte no Camiño Inglés a Compostela organizado polo Concello de Cabanas, este ano as Concellerías de Cultura e Turismo e de Deportes únense para dar un paso máis aló e plantear unha nova proposta vinculada ó Camiño: realizar a ruta xacobea a Fisterra. Con punto de partida na capital de Galicia, novamente o itinerario cubrirase por etapas. Cinco en total que arrancarán o sábado 29 de setembro.

As persoas interesadas en tomar parte xa poden inscribirse no Concello. Para iso, poden facelo na Oficina Municipal de Turismo –sita no entorno do parque do Areal-, no correo oficinadeturismocabanas@gmail.com ou no teléfono 981 43 45 66. As prazas están limitadas a 55 e terán preferencia as persoas empadroadas en Cabanas. A cuota a pagar é de 50 euros por persoa e inclúe os traslados en autocar de ida dende Cabanas ó punto de inicio de cada etapa e o regreso dende o remate da etapa ó municipio, así como o seguro de responsabilidade. Cuota que haberá que abonar á hora de formalizar a inscrición.

As etapas son as seguintes: 29 de setembro Santiago-Negreira (22 kms); 6 outubro Negreira-Maroñas (19,81 kms); 13 de outubro Maroñas-Olveiroa (13,4 kms); 20 outubro Olveiroa-Cee (17,90 kms) e 27 de outubro Cee-Fisterra (15,2 kms).

En todos os casos, o punto de encontro será a Oficina de Turismo e, a hora, as 7,30 h. Así mesmo, ó inicio do Camiño facilitarase a credencial do peregrino ós participantes para ir selándoa nos correspondentes puntos. Poden participar os menores de idade, sempre acompañados dunha persoa adulta que os acompañe.

Por último, o Concello invita á veciñanza a tomar parte nesta iniciativa e formalizar a súa inscrición.