O Concello organiza un curso de condución de supercross no novo circuito municipal

Galego

Aberto o prazo de inscrición na iniciativa, que impartirá o sábado 22 de setembro o campión galego Román Pérez

Cabanas, 17 de setembro de 2018. O Concello de Cabanas, a través da Concellería de Deportes, estreará oficialmente o novo circuito de motocross municipal cun curso de condución de supercross. Celebrarase o vindeiro sábado 22 de setembro, en horario de 9 a 17 horas e estará impartido polo campión galego Román Pérez.

As prazas están limitadas a 15 e requerirase un mínimo de 10 participantes para levar a cabo a acción. A inscrición está aberta nas oficinas xerais da casa consistorial, aínda que tamén pode realizarse vía telemática. A cuota do curso é de 45 euros por persoa e abonarase ó formalizar a matrícula.

Deste xeito, iníciase a actividade no circuito de motocross do Concello no polígono de Vilar do Colo. Precisamente era Román Pérez, campión da Liga galega de Enduro e agora monitor do curso que se levará a cabo en Cabanas, o primeiro piloto en probar as instalacións municipais unha vez rematadas as obras de construción. Emprazado nunha parcela municipal de 14.770 metros cadrados, o circuito conta cunha pista de 672,25 metros de lonxitude e 8 metros de ancho. Foi deseñada pola empresa Supercross Kids Academy, unha das mellores do sector a nivel europeo, e con ela Cabanas convertíase no primeiro municipio da comarca en dispor dunha infraestrutura deste tipo municipal. Para iso foi preciso un investimento de 25.000 euros, que financiou ó 100% a Xunta a través da Secretaría Xeral para o Deporte.

 

Tags: