Arrancan as viaxes polo río Eume a bordo da gamela Anduriño

Galego

As persoas interesadas en tomar parte poden facer as súas reservas na Oficina Municipal de Turismo do Concello de Cabanas

Cabanas, 17 de xullo de 2018. O alcalde de Cabanas, Germán Castrillón, informou esta mañá de que as viaxes polo río Eume a bordo da gamela Anduriño arrancarán este xoves con dúas viaxes ás 10,30 e 20 horas e prazas libres. Un xeito diferente e único de coñecer e disfrutar das Fragas do Eume da man do Concello de Cabanas.

O Anduriño é unha embarcación tradicional galega concebida para a pesca artesanal. Cunha capacidade para oito pasaxeiros, mide 7,30 metros de eslora e 2,87 metros de manga e conta tamén cun motor para a súa propulsión. Foi construída no Centro de Formación A Aixola de Marín, e cedida ó Concello de Cabanas pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería do Mar.

A Concellería de Turismo de Cabanas organiza viaxes nela nas que os viaxeiros poden gozar dende unha perspectiva diferente, río arriba, dun dos parques naturais máis senlleiros de toda Europa, como son As Fragas do Eume. Partindo do estuario do río Eume, dende o coñecido como embarcadoiro do Día Oito, onde a mistura de augas salgadas e doces son berce dunha vida mariña única, alcanza o centro de recepción de visitantes do Parque, no lugar de Ombre.

Reservas. Para realizar esta travesía polo Eume a bordo da gamela Anduriño hai que reservar praza na Oficina de Turismo de Cabanas (parque do Areal), por teléfono no 981 43 45 66 ou vía email no enderezo oficinadeturismocabanas@gmail.com. A ruta estará operativa ata setembro cun mínimo de 3 viaxes ó día nuns horarios que dependen das mareas. O prezo da viaxe é de 6 euros e de 3 para os menores de idade, cun desconto do 50% para os veciños de Cabanas.

Image: 
Tags: