Aberto o prazo de inscrición para o obradoiro de radio “Tol@s polo micro”

Galego

Dirixido a rapaces e rapazas, deben anotarse nos departamentos municipais de Servizos Sociais de Pontedeume ou de Cabanas

Arrancará o próximo martes 17 e continuará os seguintes martes ata o 21 de agosto, no marco do programa “Martes Urbanos”

Cabanas, 13 de xullo de 2018. Coñecer o funcionamento dunha radio; descubrir que é unha cuña, unha escaleta ou unha ráfaga; elaborar un guión ou realizar unha boa locución son só algúns dos contidos que mozos e mozas poderán aprender no obradoiro “Tol@s polo micro” que organizan os Concellos de Pontedeume e Cabanas. Un taller que se inclúe no programa “Martes Urbanos”, que arrancará o vindeiro martes 17 de xullo e que, aínda que é gratuíto, require de inscrición previa. A rapazada a partir de 15 anos interesada en participar pode anotarse nas Concellerías de Servizos Sociais de Pontedeume ou de Cabanas ou chamando ó teléfono 981 43 32 88. As prazas están limitadas a 15. O obradoiro, ó igual que as actividades de “Martes Urbanos”, desenvolverase na contorna da alameda de Pontedeume de 20 a 23 horas.

“Martes Urbanos” é un programa incluído no proxecto que impulsan os dous concellos de prevención de drogodependencias e condutas aditivas e que cofinancia a Consellería de Sanidade. Trátase dunha iniciativa innovadora de cultura urbana que ofrecerá unha serie de actividades a maiores do nomeado taller de radio. Son estas: parkour park (17 de xullo); graffiti máis pintado de gorras (24 de xullo); skate park máis BMX (7 de agosto); parkour Street Workout (14 de agosto) e Festival Cultura Urbana (21 de agosto).

O principal obxectivo é ofrecer ó colectivo xuvenil a posibilidade de participar activa e socialmente en diferentes actividades que favorezan o seu desenvolvemento integral mediante a formación e expresión artística, o ocio activo e a integración social a través da Cultura Urbana.

Image: 
Tags: